18.5.15

Roteiro pola Serra do Galleiro, 23 de maio.


Chegou o momento de afrontarmos a ascensión do pico máis alto de toda a contorna de Vigo: o Galleiro. Esta inmensa mole granítica domina todo o val da Louriña, xusto enriba de Mos pola súa cara occidental, que é por onde subiremos. En conxunto, a Serra do Galleiro, discorre durante uns 15 km en dirección N-S separando os vales do río Louro ao oeste e do río Tea ao leste, que flúen paralelos á serra cara ao sur.

Comezaremos a nosa andaina no lugar da Portela, na parroquia de Louredo. Dende aí faremos de seguido toda a subida a través das revoltas das Sete Paredes até o cumio do proprio Galleiro (749 m). Despois de repoñer forzas continuaremos cara ao sur para subir aos outros dous picos máis sinalados da serra: primeiro o Salgueirón (621 m), onde tentaremos atopar a mámoa na súa aba sur e, a seguir, o Castelo de Mos (541 m), así chamado en referencia ao castelo medieval que alí existiu, destruído probabelmente pola Revolta Irmandiña. Na baixada visitaremos o abeiro da Lapiñeira da Fraga, baixo o Penedo da Pucha, todo un salón de granito onde moraba a xente prehistórica, que ademais é veciño da lendaria “Pedra que fala”. Finalmente remataremos na antiga canteira que serve coma campo da Festa da Prehistoria, xa na parroquia de Mos.

Pois entón, combinamos ás 9:00 no local da Faísca. Levade algo de xantar e auga suficiente (2L); calzado de monte, roupa de chuvia se vai malo e protexerse do sol (cabeza, pel, lentes) co ceo despexado. Vale ir de curto, non se prevén problemas de toxeira. Vémonos!
Ø  Distancia: 13 km (sobe todo pistas anchas)
Ø  Desnivel máximo en subida: 561 m (as subidas algo duras, pero lévase ben)

9.5.15

DIA DAS LETRAS GALEGAS

Com o galho da celebraçom do dia das letras galegas o 17 de maio, no Faísca faremos umha actividade na véspera, onde nos reuniremos todas e todos ao redor das nossas letras cum recital de poesia e umha sessom de micros abertos. Estades tod@s convidad@s!!!

PALESTRA SOBRE AS CONSEQUÊNCIAS DO TTIP.

Vem informar-te sobre o Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimento, argalhado polos EUA e a UE de costas ao povo e com o objectivo de favorecer às empresas trasnacionais, eliminando os já debilitados servizos públicos.